A nosa pesca é unha pesca artesanal, responsable e sostible.
ARTESANAL polas características dos nosos barcos e as artes de pesca empregadas. As embarcacións non superan os 18 metros de eslora total e faenan próximas á costa galega dentro do ratio das 12 millas utilizando artes menores ou, no caso das especies peláxicas, o cerco.
RESPONSABLE porque entendemos que é a única forma de traballar nun sector que é o noso medio de vida; respectando talles mínimos, períodos de veda establecidos e achegando o noso coñecemento do medio e as especies co ánimo de mellorar a normativa vixente.
SOSTIBLE porque adoptamos prácticas que tenden a minimizar o impacto ambiental e que contribúen á sostibilidade do recurso. Consideramos que hai especies "secundarias" non moi valoradas no mercado que promovéndoas a súa comercialización restaría presión a outras pesqueiras máis explotadas.